martes, 4 de agosto de 2009

5º día, a Gran Parada e a Noite Máxica

.
Día intenso, longo e emocionante para Moxenas hoxe.

Aquí tendes unha galería de imaxes
da Gran Parada con 53 fotos

Tamén podedes ver un vídeo oficial da organización, cun resumo de todos os grupos.

Gran Parada

A hora de erguerse foi ás 6.45 h. Ás sete e vinte todos no comedor almorzando. Preparación e saída para o lugar de partida da Gran Parada. As rúas ateigadas de público nos dous quilómetros de percorrido polo centro da cidade; un público entregado e espectante ante o ritual que cada ano convoca a incontables milleiros de persoas que acoden a Lorient para participar e asistir ao encontro intercéltico máis importante que hai.
A emoción gurgullaba nos rostros de cada membro de Moxenas. No lugar de saída, para temperar non só os instrumentos senón tamén os ánimos, Adrián rompeu a bailar levando consigo a varias compañeiras provocando a admiración do público que os arrodeaba. Os bailes galegos son únicos, fermosos e moi variados.
Arranca a marcha. Abren a comitiva as bandeiras de todos os países participantes, comandadas pola bretoa e a galega xuntas, irmandadas.
Detrás unha “bagad” anfitrioa e seguidamente Moxenas. A seguir todas as demais agrupacións ata completar un total de 74. Ao igual ca en 2006, o noso grupo está na cabeceira da comitiva no gran desfile de bandas. Os altofalantes van informando ao seu paso das características do grupo, a súa orixe veciñal (“associations de quartier”) e os datos máis salientables da banda.

A chegada ao estadio foi aplaudida polos milleiros de persoas que ateigaban as bancadas. Despois do remate do seu pasarrúas, o grupo asistiu á chegada da maioría das demais bandas, ata que chegou a hora de xantar. Agardaba unha longa tarde de preparación para a Noite Máxica de hoxe.

Festa no liceo.
Ver galería de imaxes
Despois de xantar veu a distensión da experiencia da mañá cunha espontánea festa musical nos corredores do liceo, na que tocaron e bailaron ata quedaren sen alento.

No hay comentarios:

Publicar un comentario