domingo, 2 de agosto de 2009

3º día, venres 31 de xullo

.

Primeiro día de actividade musical ne Lorient; chegar e empezar. Ás 10.30 da mañá xa estaba o grupo ensaiando no patio dianteiro do liceo. Despois de xantar todo o mundo estaba preparado para a primeira actuación: un pasarrúas pola cidade.

Antes de comezar houbo unha sesión fotográfica para a prensa; ao día seguinte Moxenas vai ser portada en Ouest France. Esta sesión fotográfica foi no porto deportivo: fotos sobre o pantalán, entre os barcos; fotos no peirao mentres se tocaban, obedecendo ao mesmo tempo as instrucións de posicionamento do fotógrafo.

Despois, volta ao lugar de partida do pasarrúas para afinar e saír.


A organización foinos conducindo polo centro da cidade, recollendo a atención e aplausos da xente. O final foi un pequeno recital de pezas nunha praza pública e despois pateada ata o liceo outra vez.

Oliveira colleu un quinteto e marchou con el a tocar a un dos actos principais do comezo do festival: a “cotriade”, unha cea á que acudiron máis de mil trescentas persoas. Tocaban inicialmente grupos da casa, bretóns, que levantaron o fervor incondicional do público; os cinco de Moxenas que subiron ao escenario sabían que tiñan un reto moi complicado despois do éxito local do grupo precedente. Oliveira infundiu tal ánimo e estratexia musical no pequeno quinteto que, non só levantaron o fervor e acompañamento de palmas do público cos solos de percusión de Miguel e Samuel, senón que puxeron a todo aquel auditorio en pé para vitorear a actuación do quinteto.

Mentres tanto, o resto do grupo aproveitou para divertirse ata a medianoite: uns marcharon ata a festa das carpas do centro da cidade e outros optaron por ficar no patio do liceo facendo a súa propia festa; dúas horas de xoldra continuada de música e baile montados espontaneamente. Adrián, o bailarín, tivo que ir ducharse de tanto que suou facendo troulear as mozas coas súas imparables danzas, ao tempo que os demais non pararon coas gaitas, pandeiretas, tambores e bombos.

Cando todo o mundo estivo de volta das súas ceifas, houbo reunión para programar o día seguinte.


Aqui podedes ver un vídeo do pasarrúas por Lorient

Podedes ver unha Galería de imaxes





Así recolleu a TV Ouest Production a entrada de Moxenas polas rúas de Lorient ao comezo do festival (a partir do minuto 4.45 do seguinte vídeo).

No hay comentarios:

Publicar un comentario